sábado, 24 de xuño de 2017

O TESOURO DAS ÁNIMAS CONCHI REGUEIRO



Rematamos as reunións do club de lectura deste curso recibindo a visita doutra escritora, nesta ocasión Conchi Regueiro. Recibímola onde temos o noso cartel de homenaxe a Carlos Casares, autor que lle gusta moito a Conchi. Como sempre subimos á nosa biblioteca para conversar con ela.
O que máis chamou atención no club foi a presenza dos petos de ánimas no libro. Ninguén vira ningún; cruceiros, si, pero non petos de ánimas. Na primeira sesión de lectura tivemos que buscar imaxes en internet para facernos unha idea do que eran. Son ben fermosos.
Conchi Regueiro comezou explicando o motivo polo que quixo que aparecesen. O primeiro porque ela criouse en localidades nos que eran numerosos. E sempre lle chamou a atención que se puidese pagar o favor da divindade para non estar no purgatorio, gustáballe esa mentalidade práctica dos galegos.
Pero a primeira pregunta ía xa por outro camiño: existe realmente o xogo que aparece descrito no libro? Pódese xogar desde o móbil? A resposta foi non.
Varios alumnos quedaron decepcionados cando souberon que non existía, porque lles apetecía botar algunha partida. E insistiron na pregunta porque non acababan de crer que Conchi Regueiro inventase un xogo para o lbro.
A seguinte pregunta estaba relacionada coa anterior: daquela os escenarios do xogo que se corresponden cos lugares da historia,tamén son inventados. E claro a resposta foi que si.
Á maioría das lectoras e lectores gustoulles que fose unha narración na que se resolveu o misterio grazas á que as pandillas dos dous protagonistas se puxeron de acordo. Conchi Regueiro comentou que este libro o incluíron nun listado de libros colaborativos.
O outro aspecto que lles gustou da obra foi que tivesen que ir resolvendo o xogo do móbil para descubrir onde está a profesora Laura.
E unha cousa levou a outra e acabaron falando da literatura fantástica, que é a preferida da autora. Preguntáronlle cando se dera conta de que quería ser escritora, e contestou que desde pequena e que sempre estaba escribindo novelas novas. E que neste momento estaba escribindo unha novela de xénero fantástico, similar a moitas obras coñecidas por todos. Quedaron sorprendidos de que en Galicia houbese autoras que se dedicasen a ese xénero.
Por último, pedímoslle que entregase uns diplomas e uns libros de agasallo aos nosos lectores e ás nosas lectoras do club.
Grazas a Conchi Regueiro por ter vido ao Miraflores, e agardamos volver a vela pronto.






Ningún comentario:

Publicar un comentario